Friday 19 de April de 2024

Unha ruta entre castelos e a xeorruta das Pías, propostas de San Sadurniño para estes días


Achégase unha fin de semana marcada en toda Galicia pola celebración festiva do luns, Día de Galicia. A data trae aparelladas múltiples citas culturais e institucionais que no caso de San Sadurniño se centran en dúas propostas. Por unha banda a ruta histórica e turística de mañá pola tarde entre o castelo de Naraío e o de Moeche promovida polo Concello veciño, na que coñeceremos a relación histórica entre as dúas fortalezas, e por outra a Xeorruta das Pías, que se desenvolverá o luns pola mañá nas inmediacións do lugar do Castelo e Riolimpo para logo trasladarse á zona de Racamonde. Aínda estades a tempo de inscribirvos nas dúas actividades.

A ruta guiada entre os castelos de Naraío e Moeche arrancará ás 16:00h conducida por Ramón Carballeira, técnico de Turismo de Moeche e bo coñecedor de ambas fortalezas e da súa historia compartida, sobre todo o capítulo referido ás Revolucións Irmandiñas de finais do século XV que, ao parecer, tiveron aquí dous dos seus principais focos.

O percorrido farase en coche saíndo de Naraío con destino a Moeche e facendo varias paradas en localizacións destacadas polo seu valor patrimonial e histórico, de maneira que esta proposta será tamén unha magnífica oportunidade para descubrir ou comprender mellor o medievo galego, unha época de transición cara ao Renacemento que trouxo canda si grandes cambios sociais e culturais.

A actividade, que conta coa colaboración do Concello de San Sadurniño, é gratuíta e require inscrición previa chamando ao 981 404 006, mandando un correo a turismo@moeche.gal ou cubrindo este formulario en liña.

O luns, Xeorruta das Pías
Dentro do programa de dinamización do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, o Concello de San Sadurniño tamén organiza o segundo percorrido pola banda sur do territorio aspirante ao recoñecemento da UNESCO.

O punto de encontro é, de novo, o castelo de Naraío, situado sobre un rochedo xusto á beira do val estrutural do río Castro tendo de fronte os grandes desniveis do bloque granítico do Forgoselo.

Na primeira metade da mañá veranse as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas de Racamonde na segunda parte do traxecto.

O inicio está fixado para as 10:00h e prevese rematar sobre as 14:00h. Os desprazamentos entre o lugar do Castelo e Riolimpo faranse a pé e logo collerase o coche para subir ata Racamonde, parte final da ruta que tamén se fará camiñando para apreciar mellor as curiosidades xeomorfolóxicas da zona.

A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico. De guiala encargarase Francisco Canosa, quen ademais ofrecerá unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Para esta xeorruta ofertáronse 20 prazas das que só queda dispoñible a metade. A reserva hai que facela obrigatoriamente en liña a través desta ligazón e cun prezo por persoa de 9€, reembolsables ata véspera se cambiamos de plans ou non podemos acudir por calquera motivo.

Este ano os sete municipios promotores do proxecto de xeoparque programaron conxuntamente o calendario de rutas xeolóxicas e habilitaron na web unha central de reservas en liña onde se poden consultar os outros 15 itinerarios que se van desenvolver até o 14 de setembro por todo o territorio.

Nestes días hai todas estas xeorrutas con prazas aínda dispoñibles:

Venres 22 de xullo, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). Formulario de reserva
Venres 22 de xullo, 17:00h: Xeorruta marítima ofrecida por Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/persoa). Reservas no 722 615 382.
Sábado 23 de xullo, 10:00 a 13:00h: Xeorruta do Cobre (Concello de Cerdido). Máximo 20 prazas. Formulario de reserva
Sábado 23 de xullo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Formulario de reserva
Domingo 24 de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Formulario de reserva
Domingo 24 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Formulario de reserva
Luns 25 de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta das Pías (Concello de San Sadurniño). Máximo 20 prazas. Formulario de reserva
Luns 25 de xullo, 16:30 a 18:30 e 18:40 a 20:40h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). Máximo 10 persoas por quenda. Formulario de reserva